Exposición pintura Instantes galegos

A sala Domínguez Búa acolle desde hoxe e ata o 28 de marzo a exposición de pintura de Antonio Abalde “Instantes galegos”, que se poderá visitar en horario de 11 a 14 e de 17 a 20 horas de venres a domingos e festivos, e de 17 a 20 horas, de luns a xoves. O vigués, de formación autodidacta, define a súa arte como tomada cen por cen da realidade, idea que se reflicte nos 23 cadros que compoñen esta mostra, “unha compilación do traballo da última década”.
Todo o traballo deste pintor vigués caracterízase por ter na paisaxe galega o eixo vertebrador da súa pintura: mar, montañas de interior, que nos falan dun espírito melancólico e ao mesmo tempo alegre no seu cromatismo. Coma se dun álbum fotográfico se tratase, Abalde captura cos seus pinceis paisaxes mariñas, paisaxes de montaña, vendimas, regatos, cultura, tradicións e escenas costumistas que buscan transmitir valores da identidade galega.
Herdeiro das tendencias máis clásicas, Abalde elabora debuxos minuciosos para que o tema sexa unha testemuña, máxima coa que leva percorrido case toda Galiza e Portugal, acadando éxitos salientables. Entre os seus premios están o Trofeo Faro de Vigo de Paradores, o 2º premio no Certame de Pintura Rápida da Festa do Marisco do Grove, o 1º premio no concurso para o cartel da Festa da Coca de Redondela, e finalista no concurso de deseño da mascota do 50 aniversario de Citröen en Vigo.


Date: 11/03/2016 00:00 - 28/03/2016 00:00