Festa do viño tinta femia en Cela - Bueu

A parroquia de Santa María de Cela acolle esta fin de semana a XIII Festa do Viño Tinta Femia, que se recupera tras sete anos de parón pola Asociación de Viticultores San Martiño de Bueu. Este evento parte dunha excursión que estes colleiteiros realizaron ao Barbanza, cando propuxeron retomala. Así o anunciou hoxe Fernando García Cendón, presidente da Asociación, que estivo acompañado por Silvia Carballo, concelleira de turismo, Xosé Leal, deputado de cultura, e Luís Davila, debuxante e autor das viñetas de O Bichero no xornal Faro de Vigo, durante a rolda de prensa que se celebrou este mediodía na Praza de Abastos de Bueu.

García Cendón quixo dar as grazas aos responsables locais e provinciais polo apoio mostrado para que este evento fose levado a cabo da mellor forma posible, e tamén tivo unhas palabras para os bodegueiros, que son a alma do proxecto, que se agarda que siga medrando e consolidándose nas vindeiras edicións. Pola súa banda, Xosé Leal destacou a colaboración da Deputación coa impresión da cartelería (un da autoría do pintor José María Barreiro Gómez e outra de Luís Davila) e a subvención das actuacións musicais a través do Pontegal, e Silvia Carballo agradeceu “a recuperación desta festa que destaca un produto que todo o mundo recoñece”.

O programa que se presenta é moi variado e abrirase o venres 1 de xullo ás 19 horas, e seguidamente terá lugar a actuación do Dúo Acordeóns Manolo e Ramón e ás 21.30 horas é a quenda da foliada do grupo de gaitas Retrouso de Cela.

O sábado ás 13 horas terá lugar unha homenaxe póstuma ao primeiro presidente da festa, Evencio Parada Malvido, para dar paso despois ao pregón a cargo do debuxante Luís Davila, quen xa adiantou que loará “este viño e as anécdotas nacidas grazas a el”. En torno ás 14 horas, actuará a Asociación Folclórica Recordos da Nosa Terra, e xa pola noite, a Agrupación Retrouso de Cela acompañará aos asistentes.

O domingo péchase o programa, cunha actuación a cargo da Coral Polifónica de Cela ás 13 horas, un sorteo dunha caixa de viño Tinta Femia ás 17 horas, e premios e homenaxe aos colleiteiros ás 19 horas.
 


Date: 27/06/2016 00:00 - 3/07/2016 00:00