II Xornadas das alfombras florais de Bueu

II XORNADAS DAS ALFOMBRAS FLORAIS DE BUEU (do 15 ao 26 de abril): A Asociación das Alfombras do Corpus de Bueu abre este venres a programación estrela do Corpus, que arranca coa mostra de fotos antigas que estará exposta ata o 1 de maio na sala Domínguez Búa, e que se inaugurará este venres ás 20.30 horas. Despois o horario de visita da exposición é de 11 a 13.30 e de 17 a 20.30 horas.

Esta exposición inicia a semana das II Xornadas das Alfombras do Corpus de Bueu que constarán de dúas conferencias que se van celebrar no Museo Massó, unha o 22 de abril a cargo de representantes do Corpus de Redondela, e outra o 23, con representantes de Ponteareas.

Pola súa banda, a gala de homenaxe aos alfombristas veteráns vai ter lugar o 24 de abril a partir das 18 horas no Centro Social.

O Corpus de Bueu está renacendo dende o ano pasado coa creación da Asociación das Alfombras do Corpus de Bueu, quen lle están dando un pulo grande á configuración desta festa, e levando as alfombras a outros lugares e a outros eventos. Nese traballo de divulgación, durante este mes de abril celebraron varios obradoiros nos centros educativos para confeccionar un tapiz floral, e tamén nos Centros de Día de Pescadoira e Anduriña, onde compartiron cos nosos maiores as técnicas máis novidosas e as máis ancestrais no tocante á elaboración destas alfombras de Bueu.

A festividade do Corpus Christi celébrase este ano o 29 de maio, e a Asociación traballa arreo para que ese día sexa inesquecible. Pero xa fai meses anunciou que a novidade deste ano é que os tapices florais van estar presentes de forma evidente noutros eventos como a Festa do Carme ou o FICBUEU.


Date: 15/04/2016 11:00 - 26/04/2016 20:30