III Volta á Illa de Ons

Tras o multitudinario éxito das edicións anteriores, o Club de Atletismo Corredoiras e o Concello de Bueu, organizan a III Volta á Illa de Ons, que trae importantes novidades, como son a inclusión dunha visita guiada complementaria á carreira e á andaina competitivas. A III Volta á Illa de Ons terá lugar o domingo 15 de maio ás 11 horas no caso da carreira, e dez minutos antes para a andaina competitiva. O número total de participantes é de 350, sendo 200 para a carreira, e 150 para a andaina competitiva e a visita guiada.
O percorrido será de case 20 quilómetros, e incluirá tres puntos de avituallamento, que estarán na meta, á altura do faro, e ao carón do Buraco do Inferno.
O equipo organizador destaca a gran acollida que está tendo esta actividade na que, desde o primeiro momento, se cobren todas as prazas a un ritmo precipitado, o que se agarda que aconteza novamente este ano. De feito, o prazo de inscrición a partir do luns, 11 de abril, ás 9 horas na páxina web www.prueba-t.es a un custe de 25 euros por persoa, incluído barco, no caso da carreira competitiva, 5 euros para andaina competitiva e gratuíta para a visita.
Ademais, como nas dúas edicións anteriores, organízase un concurso de fotografía que terá como tema o atleta e o seu entorno, en referencia á competición.
Toda a información sobre o percorrido e o regulamento será subida á web de Corredoiras, aínda que xa se avanzou que os barcos sairán pola mañá ás 8.30, 8.45 e 9.00, e pola tarde ás 17.00, 18.00 e 19.00 horas.
O alcalde de Bueu xa avanzou que nesta primavera- verán, “Bueu será protagonista de grandes eventos deportivos”, dos que esta carreira é o acto inaugural. Neste sentido, Juncal destacou a importancia dos eventos organizados polo club de atletismo xa que fan unha gran labor no eido do deporte e no da divulgación e coñecemento dos espazos da contorna.


Date: 15/05/2016 11:00 - 15/05/2016 14:00