Obra de teatro: A casa do avó

O Centro Social do Mar de Bueu acollerá este domingo a obra de teatro “A casa do avó”, da compañía Tanxarina, ás 18 horas e cun custe de pase de 2 euros.
“A casa do avó” é a nova obra desta compañía redondelá e nela proponse teatro social e educativo, onde os dereitos dos nenos e maiores van máis alá do puramente artístico. Durante 50 minutos, os nenos e nenas maiores de 6 anos, poderán gozar dunha historia con siluetas animadas e actores, na que se nos conta como actúa un neno chamado Roberto ante a noticia de que o seu avó vai quedar sen casa.
Ante esta inxusta situación o neno ponse en marcha para atopar unha solución e, nesta busca, dispárase un mundo de pequenas e divertidas aventuras protagonizadas polas máis variadas personaxes. Un encontro cómico e poético que desemboca nun final feliz propiciado polo apoio solidario.
Esta obra está dirixida e guionizada por Cándido Pazó, ten entre os actores-manipuladores a Eduardo Rodríguez, Miguel Borines e Andrés Giráldez.
Tanxarina títeres foi fundada no 1983 por varios ex alumnos de Harry Tozer, profesor de construción e manipulación de marionetas de fíos do Institut del Teatre de Barcelona, e tamén outros profesionais galegos de teatro infantil e xuvenil.
Marionetas de fíos, títeres de luva, de variñas, sombras chinas , bunrakus e outros gañan así en forza expresiva e comicidade. Esa relación escénica entre títeres e actores vén sendo un dos sinais de identidade da compañía dende os seus primeiros espectáculos, que xa viaxaron por diversos lugares da xeografía española e mundial. 


Date: 28/02/2016 18:00 - 28/02/2016 20:00