Presentación libro: O dobrón de a oito

O Museo Massó acolle o venres 4 de febreiro ás 20.30 horas a presentación do libro O dobrón de a oito de Alberto Fortes.
O acto, organizado pola Librería Miranda, contará coa presenza do autor e do director de Xerais, Manuel Bragado.

O dobrón de a oito narra as aventuras do rapaz Martiño de Santadrán na Galicia da segunda metade do século XVIII, cando o antigo réxime estaba a esmorecer e polo país adiante medraba tanto a inseguridade dos camiños como a arbitrariedade dos escribáns e das xustizas locais. Os feitos arrancan coa chegada do protagonista á taberna de Lusquiños, que se levanta ao pé da praia do mesmo nome. É entón cando comezan a se destapar os enigmas que rodearon os últimos días do pai do protagonista, un artilleiro que morrera nun barco da real armada. A precipitación dos acontecementos na taberna fai que Martiño procure a axuda do fidalgo de Dornas e do curioso personaxe do gaiteiro Gures. Finalmente, os tres xuntos veranse na obriga de afrontar un perigoso destino.


Date: 4/03/2016 20:30 - 4/03/2016 22:00