Presentación: Primeiro CD Coral Polifónica de Bueu

O vindeiro 12 de marzo, a Coral Polifónica de Bueu presentará o seu CD “Quiero ser poeta” nun acto gratuíto e aberto ao público, que se celebrará a partir das 20.30 horas no Centro Social do Mar. É este o primeiro disco da agrupación buenense, no que os seus compoñentes deixan o seu “esforzo e ilusión”
O CD foi gravado o 10 de outubro do pasado ano, en el inclúense pezas como “Hijo del anonimato”, con letra do poeta buenense Jorge Loira Gago, “Coral a Castelao”, “A raíña do pracer”, “Negra sombra”, “O mar no fundo”, “Velaí vai”, “Ave María”, “Dum pater familias”, “Boliños do pote” e “Boga, boga, mariñeiro”.
A Coral Polifónica de Bueu fúndase en 1979 por un grupo de veciños e veciñas de Bueu amantes do canto coral. O seu primeiro director foi Xesús Moldes Monroy, que foi substituído polo entón párroco de Bueu, Xesús Tenorio Pena. Aínda que a coral sufriu un período de inactividade, en 1996 Rosa Mª Cerviño Loira toma a batuta e con ela rexorde de novo. Desde os seus inicios, está moi comprometida coa divulgación e dignificación do patrimonio músico-coral galego, e por este motivo interpreta en galego gran parte do seu repertorio. 


Date: 12/03/2016 20:30 - 12/03/2016 22:00