Semana Santa deportiva

A concellaría de deportes, a través do Instituto Municipal de Deportes, prepara unha Semana Santa con actividades deportivas e de lecer. Así, o luns, 21 de marzo, desenvolverase unha actividade de orientación no centro de Bueu, entre as 10 e as 13 horas e para idades de 12 a 99 anos. Segundo destacou o concelleiro de deportes, Manolo Otero, o obxectivo deste programa e do Instituto Municipal de Deportes é “fomentar as actividades recreativas e convivenciais”. Precisamente, a actividade de orientación descubrirá aos participantes determinados lugares de interese artístico, medioambiental ou arquitectónico do centro urbano da vila, e pode facerse de forma individual ou en grupo.

O martes celebrarase unha xornada multideporte, destinada a nenos e nenas de entre 8 e 12 anos, que terán que ir ao pavillón municipal Pablo Herbello entre as 10.30 e as 13 horas, e con calzado obrigatorio para cambiarse.  Os nosos pequenos e pequenas practicarán deportes coñecidos como o balonmán, e outros menos, como o bádminton, ou o floorball (hockey adaptado a pista).

E o mércores na Praza Massó, os nenos e nenas terán a posibilidade de adentrarse nunha xincana de bicicletas, entre as 11 e as 13 horas, na que se farán circuítos e xogos para potenciar determinadas destrezas e habilidades, e ensinar sobre a educación viaria.


Date: 21/03/2016 10:00 - 23/03/2016 13:00