Asociación de Amigos de Johán Carballeira

A Asociación de Amigos de Johán Carballeira de Bueu organiza este domingo un acto de homenaxe a Johán Carballeira e a todos os que sufriron polas liberdades. A primeira parte será ás 18 horas diante do monumento de Johán Carballeira, ao carón da praia da Banda do Río, onde se fará unha ofrenda floral, xa que se celebra o cabodano do asasinato do que fora alcalde de Bueu antes do golpe de Estado do 1936.

En torno ás 19 horas, o Centro Social do Mar acollerá a presentación do libro Un cesto de mazás da xornalista Montse Fajardo, quen estará acompañada do ex director xeral de cultura e concelleiro pontevedrés, Luis Bará.  Este libro fala da memoria das vítimas do 36 e do tempo que veu. Por iso, a autora pon nome e biografía a dezaseis historias de represión contadas en todos os casos por persoas próximas aos protagonistas.

A Asociación de Amigos de Johán Carballeira, presidida por Manuel A. Mosteiro,  organiza este evento un ano máis para velar polo recoñecemento da memoria histórica das vítimas do 36. Desde a súa creación no 1996, levaron a cabo unha enorme e recoñecida labor no terreo da recuperación da memoria das vítimas do franquismo no noso municipio.


Fecha: 17/04/2016 18:00 - 17/04/2016 22:00