I Cross Popular Cabo Udra

O domingo 19 de xuño vai ter lugar o I Cross Popular de Cabo Udra, organizado pola ANPA Cabo Udra, en colaboración co Concello de Bueu e co Club de Atletismo Corredoiras, que se desenvolverá neste entorno privilexiado entre as 10 e as 14 horas. Este evento nace como unha recuperación do Cross Popular de Beluso, que se celebrou desde o 1980 ata o 2003 na contorna do CEIP de Montemogos, tal e como destacaron hoxe a directiva da ANPA Cabo Udra, Adriana Patiño e Marcos Torres, ademais da directora do CEIP Montemogos, Vanessa Fernández, o alcalde de Bueu, Félix Juncal, e o concelleiro de deportes, Manuel Otero, durante a rolda de prensa celebrada esta mañá no salón de plenos da Casa do Concello.

Os interesados en participar poderán inscribirse na páxina web www.prueba-t.es ata o 15 de xuño, por un custe de 6 euros para a carreira absoluta e popular, e gratuíta no resto de categorías: pitufos 3 anos, pitufos 4 anos, pitufos 5 anos, minibenxamín, benxamín, alevín, e cadete.  Na carreira absoluta, que constará de 10 quilómetros, poderán participar todas as persoas que o desexen a partir do ano 1999.

A organización anuncia que entregará medallas a todos os participantes na categoría de pitufos, e aos tres primeiros clasificados en minibenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete, popular, absoluta e veteráns. Ademais, farase entrega dunha orixinal mochila conmemorativa da proba.

Paralelamente vanse poñer en marcha varias actividades complementarias ás carreiras, como módulos inchables, sesións de zumba ou xogos tradicionais.

Félix Juncal, alcalde de Bueu, quixo destacar que “ano a ano a programación da vila medra, e isto é sobre todo tamén á grande labor de asociacións e clubes aos que o Concello sempre estará apoiando”.

Toda a información sobre o evento (regulamento, circuíto, inscrición) atópase na páxina web: http://inscripciones.prueba-t.es/inscripcion/index.php?id=3373.


Fecha: 19/06/2016 09:00 - 19/06/2016 15:00