Mercado da cervexa e sidra artesás

O mercado será no primeiro andar da Praza de Abastos e acollerá varios expositores 

Ademais organizarase o obradoiro infantil de elaboración de compota e piruletas de maza, unha charla e cata de sidras nacionais e internacionais, e degustación de paella

Tras o exitoso mercado do Entroido, a Concellaría de Promoción Económica e Turismo, dirixida por Silvia Carballo, volve traer á Praza de Abastos de Bueu outro destes mercados temáticos: neste caso o da cervexa e sidra artesá, que incluirá obradoiros, degustacións e charlas, ademais de varios expositores. O mércores, 23 de marzo, abrirase o mercado no primeiro andar da Praza ás 10 horas. Pola tarde, haberá dúas sesións do Obradoiro infantil de elaboración de compota e piruletas de mazá, ás 17.30 e ás 18.45 horas, e no que poderán participar ata doce nenos e nenas de seis anos en diante, que poderán participar segundo orde de chegada, sen inscrición previa. Ese día o mercado terá horario de 10 a 14 e de 16 a 20.30 horas.
O xoves seguirá o mercado, en horario só de mañá. Ás 11 horas, Víctor Manuel Rivas González impartirá a charla “A expansión da sidra galega”, e ás 12 horas desenvolverase unha cata de sidras nacionais e internacionais. É necesario aclarar que son quince as prazas para a cata de sidras e que terán preferencia as persoas que participen na charla.
E como non podía ser doutro xeito, o mercado tamén vai acoller ás 12.30 o seu tradicional showcooking, neste caso con degustación de paella de mar e montaña ao aroma de sidra galega. Co obxectivo de fomentar as vendas na Praza de Abastos, os praceiros e praceiras entregarán uns vales entre os seus clientes para que os repartan entre os seus clientes, os cales poderán degustar gratuitamente a paella.
Os expositores que van estar no primeiro andar da Praza ámbolos dous días serán: Cervexa La Negra de las 12, Cerveza Pardao, Cervexa Faxilda, Cervexa Galician Brew, Cervexa Meiga, Sidra Ribela, Sidra Horta do Couto.
Este mercado temático, ao igual que os restantes que se van organizar este ano en Bueu, foi subvencionado polo Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, e insírese nos proxectos de dinamización da Praza de Abastos de Bueu e de promoción da economía local. Os vindeiros mercados serán o do pan, o da saúde e benestar e o da conserva.


Fecha: 23/03/2016 10:00 - 24/03/2016 14:00