Cineclube Pontevedra presenta: Terra de ninguén

Cineclube Pontevedra presenta: Terra de ninguén.

Un escenario neutral. Terra de ninguén. Un home sentado nunha cadeira conta a súa vida. De mozo foi soldado nun comando de elite portugués durante as guerras coloniais en Mozambique e Angola. Após a Revolución dos Cravos, traballou de gardacostas en Portugal e máis tarde de mercenario da CIA en El Salvador, até rematar asasinando por encomenda para os GAL.

O monstroso das atrocidades que describe contraponse ao minimalismo formal do filme e ao xeito que o personaxe ten de se presentar a si propio. Fica impasible ao describir os pormenores brutais, fai comentarios punxentes verbo da historia política contemporánea, conta brincadeiras e fachendea. As súas sentenzas están numeradas e forman a base do estudo e reflexión da directora. Unha angueira en terreo que esvara: datos e fición, memoria e fantasía, confesións e descricións íntimas da persoa encadéanse. A veracidade e a identidade póñense en dúbida segundo avanza o filme.
………………………………………………………………………
O Cineclube Pontevedra é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo funcionamento e financiamento depende fundamentalmente das achegas económicas que realizan periodicamente as súas socias e socios, cara a quen están dirixidas as nosas actividades.

As persoas socias poden escoller entre tres tipos de cotas:
Anual (60 euros);
Trimestral (18 euros);
Prorrogada en cada sesión (2 euros).
Tanto a cota anual coma a trimestral poderase pagar en efectivo en calquera das nosas sesións, ou ben mediante domiciliación bancaria ou ingreso na nosa conta de Bankia: ES10-2038-4003-8260-0005-9732. A cota prorrogada farase efectiva en cada sesión á que asistas e o seu aboamento darache dereito, coma no caso das cotas anuais e trimestrais, a que, en calidade de socia, utilices os materiais do cineclube e teñas voz e voto nas asembleas xerais.
No enderezo web http://cineclubepontevedra.blogspot.com.es/p/faite-socio.html poderás atopar un formulario para facer os trámites sen saír da casa.


Fecha: 24/01/2017 22:30 - 24/01/2017 23:55