Roteiro Lugrís - Mámoas

A concellaría de deportes de Bueu, dirixida por Manuel Otero, arranca este sábado o seu programa de rutas coa andaina Lugrís – Mámoas, para divulgar o coñecemento da figura do pintor Urbano Lugrís e das mámoas de Castiñeiras, recuperadas recentemente por Patrimonio coa colaboración do Concello de Bueu. A ruta, cun percorrido de 7 quilómetros, iniciarase no salón de plenos da casa consistorial, onde están os bosquexos do deseño de Lugrís da Capela dos Santos Reis. A continuación a ruta descorrerá por diferentes lugares, entre os que destaca o Pazo do Casal, o Pazo de Castrelo, o Pazo de Santa Cruz, as mámoas de Castiñeiras, o estaleiro da Banda do Río, e culminará no Museo Massó, onde os participantes terán a posibilidade de ver os murais do artista que alí se conservan.

A seguinte ruta será o 30 de abril e nela darase un paseo polas beiras do río Verdugo con entrada ao castelo de Soutomaior. O percorrido será de 10 quilómetros de dificultade media, e as inscricións poderán facerse a partir deste luns, 18 de abril, no Departamento de Cultura e Deportes (Eduardo Vincenti nº2).

Este programa de rutas vai destinado a dar a coñecer a contorna e os espazos con encanto da provincia, e que están relativamente preto de Bueu.


Data: 11/04/2016 10:00 - 15/04/2016 13:00