XXI Bandeira Traiñas Concello de Bueu

O Club do Mar de Bueu e o Concello de Bueu organizan a XXI Bandeira de Traíñas, que terá lugar o vindeiro sábado, 13 de agosto, a partir das 17.30 horas no peirao de Bueu. Así o anunciaron esta tarde o alcalde da vila, Félix Juncal, o concelleiro de deportes, Manuel Otero, e o presidente e vicepresidente do Club, Manuel Juncal e Rufino Acuña, durante a rolda de prensa concedida aos medios. O alcalde e o concelleiro de deportes quixeron aproveitar para destacar a importancia de apoiar estes eventos, nun deporte no que Bueu é punteiro. Pola súa banda, a directiva agradeceu aos patrocinadores que fan que o Club do Mar poida seguir manténdose ano a ano e organizando eventos desta índole.
A actividade forma parte do calendario da Liga A de traíñas da LGT e vai consistir nunha regata en liña con tres quendas configuradas seguindo a orde de clasificación da liga. Na primeira tanda competirán Amegrove, Vilaxoan e Perillo, que ocupan as posicións novena e onceava e que sairán ás 17.30 horas. Na segunda, estarán as embarcacións de Castropol, Club do Mar de Bueu – Teccarsa, Mecos-, Mondariz e Chapela, que ocupan as posicións da quinta á oitava e que competirán ás 18 horas. E finalmente, na quenda de honra das 18.30 horas estarán Samertolameu, Ares, Pobra e Coruxo, que ocupan as primeiras prazas da liga.
O equipo gañador da regata farase cunha bandeira do Concello de Bueu e repartiranse varios premios económicos ata un total de 9000 euros, a repartir entre as once embarcacións participantes.
Tras o remate das probas, organizarase un sorteo para agasallar a un dos afeccionados cun colchón doado pola firma Confortex valorado en 500 euros. 
 


Data: 13/08/2016 00:00 - 13/08/2016 00:00