Ruinas de Santa Mariña Dozo - CAMBADOS

Ruínas de Santa Mariña Dozo: Situada aos pés do monte da Pastora, nas inmediacións dun antigo castro, atópanse os restos da antiga igrexa parroquial de Santa Mariña, patroa de Cambados.

Sobre unha capela románica do s. XII, D. Lope Sánchez de Ulloa construíu a igrexa de Santa Mariña Dozo, que foi restaurada e ampliada pola súa filla Dna. María de Ulloa a finais do s. XV.

De estilo gótico mariñeiro, presenta tamén trazos renacentistas. Consta dunha soa nave dividida por catro arcos transversais románicos, cinco capelas laterais, sacristía e capela maior. No seu interior destaca a decoración con bolas sobre os arcos e capelas. Nun destes arcos está representado un dos sete pecados capitais, "a preguiza". Nas capelas sobresaen as iconografías en relevo con escenas bíblicas, tales como a Visitación, Cristo e os Apóstolos, a expulsión do paraíso ou os pecados capitais.

Foi desteitada e abandoada por motivos políticos e relixiosos no s. XIX, trasladando a igrexa parroquial á igrexa do antigo convento de San Francisco, máis céntrica. Finalmente utilizouse como cemiterio parroquial.

Os seus restos foron declarados Monumento Nacional no ano 1943 e albergan hoxe en día "o máis melancólico camposanto do mundo" en palabras do escritor Álvaro Cunqueiro, gran admirador da vila cambadesa.

Dende decembro do 2013 e, tras o 70 aniversario como Monumento Nacional, o Concello de Cambados conseguiu a inclusión das Ruínas de Santa Mariña Dozo na prestixiosa Asociación de Cemiterios Singulares de Europa (ASCE), sendo así, o primeiro cemiterio da provincia de Pontevedra en pertencer a este selecto grupo, e é o cuarto da nosa Comunidade Autónoma, tras o Cemiterio de San Amaro da Coruña, o Cemiterio Inglés de Camariñas e o Cemiterio de Lugo.

Santa Mariña Dozo abre, a partir de agora, unha nova canle de promoción e difusión do noso patrimonio, a través desta rede que agrupa 22 países e 179 cemiterios europeos tan significativos como as Catacumbas de Roma, o Père-Lachaise de Paris ou o Zentralfriedhof de Viena.