Serra do Suído - A LAMA

Teñen en común os montes da denominada Dorsal Galega, que percorre o centro de Galicia, altiplanos erosionados con poucas altitudes máximas por riba dos mil metros, suficientes para formar unha barreira que recolle un gran volume de precipitacións atlánticas. Xeralmente na vexetación dos altos predominan uces, toxos, pero deixan nas súas abas bos exemplos de bosques autóctonos e masas forestais. Todo isto é especial en cada unha das serras. Tamén na do Suído, nos concellos pontevedreses da Lama, Fornelos de Montes e Covelo; e os ourensáns de Avión e Beariz.
Nos altos son frecuentes os pasteiros e, precisamente, o aproveitamento gandeiro orixinou a construción de chozos. Son robustas edificacións (cuxa orixe se remonta á Idade Media), con grosas paredes de granito e teitos de grandes laxes sobre as que a carriza serve de illante térmico. No interior, sorprende a súa amplitude conseguida a base de arcos. Desde a localidade de Avión parte unha das rutas que permite achegarse a estes refuxios de pegureiros. Por exemplo, os de Cernadas e San Xusto co atractivo engadido da Fonte Avia onde nace este importante río afluente do Miño.
Na vertente pontevedresa, son as carballeiras un importante punto de interese. A principal quizais sexa a da Xesta, preto da localidade da Lama, que conta co engadido de contar cunha ruta de senderismo ata o recuncho do Foxo do Lobo, sistema ideado para caza deste animal.